GALICIA> Principio de acordo entre bateeiros e percebeiros para regular a extracción da mexilla. Representantes de ámbolos dous sectores mantiveron un encontro coa Conselleira do Mar para regular a explotación das zonas conflitivas.
Tralos tensos enfrontamentos entre percebeiros e bateeiros pola extracción da mexilla, representantes de ámbolos dous sectores comezan a achegar posturas. Esta mañá, a Conselleira do Mar mantivo unha xuntanza cos presidentes das tres federacións de confrarías e responsables das principais agrupacións mexilloeiras. Acordaron reservar temporalmente as zonas onde se focaliza o conflito á espera de buscar unha solución consensuada que permita compatibilizar a extracción de percebe coa recolección de semente de mexillón dun xeito sostible e responsable.
Os representantes de ámbolos dous sectores trasladarán agora ós profesionais as conclusións deste encontro no que tamén propuxeron que non se autorice a recollida de mexilla nas zonas vedadas para o percebe.