BOIRO> Aínda quedan prazas vacantes no curso de Operacións Básicas de Restaurante e Bar organizado polo concello de Boiro. Trátase dun programa financiado pola Consellería de Emprego que se desenvolverá ata o mes de setembro. Os interesados poden contactar co departamento de Orientación Laboral do concello de Boiro.
O concello de Boiro porá en marcha un curso de Formación en Operacións Básicas de restaurante e bar, enmarcado no Plan de Accións Formativas para Desempregados. Consta de 368 horas lectivas que se impartirán entre maio e setembro en horario de nove a dúas. O programa inclúe módulos específicos das especialidades de hostalería e restauración e tamén contidos transversais para a integración laboral.
O número total de prazas está limitado a quince e para formalizar inscrición tan só é preciso estar rexistrado como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. Os interesados poden obter máis información no departamento de orientación laboral do concello de Boiro.
O curso, financiado pola Consellería de Emprego, inclúe tamén a realización de prácticas en empresas. Neste punto, a Asociación Boirense de Empresarios, colabora no desenvolvemento dos programas integrados de emprego que desenvolve tanto o concello como a asociación AMICOS.
En ámbolos dous casos, os socios da patronal poden beneficiarse desta colaboración tanto acollendo traballadores en prácticas como solicitando das bases de datos os perfís dos participantes para a súa contratación.