A plantilla de MARSAC logra impedir o desmantelamento da fábrica de momento

    O GROVE > O luns foi o día marcado pola conserveira Bernardo Alfageme para o desmantelamento da factoría grovense de Porto Meloxo. Sen embargo, o programa de vixianza continuo das entradas á fábrica por parte das traballadoras impediu a manobra. Dous dos tres vehículos previstos pola Dirección desprazáronse ata o lugar para comezar co traslado da maquinaria da liña de producción de calamar á fábrica de Vigo, pero deron volta ó non poder acceder ás instalacións. A mañá transcorreu sen ningún tipo de incidente.

     

    200manifamarsac121205.jpgÁs 6 da mañá máis de 50 persoas vixiaban as entradas ó recinto ante a intención de iniciar a retirada da maquinaria da nave grovense para trasladala a Vigo. As traballadoras, acompañadas de veciños solidarizados coa causa, pasaron a noite ante as portas da factoría desafiando ás baixas temperaturas e co firme propósito de impedir o desmantelamento da conserveira.

     

    Pola mañá varias noticias reforzaban a súa loita en contra da decisión de Alfageme. Por un lado, coñecíase a noticia de que ás 9 da mañá comezaba unha xuntanza entre representantes das Consellerías de Pesca, Traballo e Medio Ambiente para adoptar decisións e convocar unha mesa de negociación urxente na que participen, ademais da administración autonómica e local, o comité, os sindicatos e a propia empresa. Por outra banda, o director de fabricación partía cara Vigo a media mañá do luns para manter unha xuntanza con Braulio Alfageme e explicarlle a situación actual.

     

    Grazas ás xestións co subdelegado do goberno se impediu que axentes da Polícia se personaran nas inmediacións da factoría para obrigar ás traballadoras a desaloxar as entradas á chegada dos camións, tal e como pretendía a empresa, polo que non se produciron incidentes e os 2 vehículos que se achegaron ó lugar marcharon sen poder levar a cabo o desmantelamento. Esta é unha das condicións establecidas para o comezo das negociacións.

     

    Segundo representantes sindicais, a Directora Xeral de Relacións Laborais asumirá as300manifamarsac121205.jpg competencias delegadas das 3 consellerías e terá que establecer a data para a celebración da mesa de negociación entre as partes. Os sindicatos falan de ‘política de avestruz’: piden que as administracións competentes deixen de agochar a cabeza e resolvan o conflicto.

     

    As traballadoras desconfían das intencións da empresa e por iso os sindicatos pedían un compromiso por escrito e avalado pola Xunta que garanta esa paralización. A situación de incerteza na que viven as preto de 100 familias afectadas crea moitas desconfianzas sobre a resolución favorable do conflicto.
     

     

    Á espera de máis noticias que confirmaran a data para sentarse a falar, as traballadoras de MARSAC estableceron dende o luns turnos de 8 horas para facer fronte á vixianza  intensiva que levan a cabo ás portas da factoría meca.

    Redacción Salnés