Heroes da Ponte do Río Barosa recreará batallas napoleónicas

    BARRO > Concellos como Barro, Pontevedra, ou Vilagarcía recollen na súa historia batallas ou escaramuzas durante a Guerra de Independencia en 1809. Para recuperalas estase a fraguar na provincia a asociación Heroes da Ponte do Río Barosa. O principal obxectivo será preparar para 2009 a recreación da Batalla de Ponte Sampaio.

    Un grupo de pontevedreses promove a creación da Asociación Heroes da Ponte do Río Barosa. O obxectivo é organizar en xuño de 2009 a recreación da batalla de Ponte Sampaio, con motivo do seu 200 aniversario. Este colectivo crearase ó amparo da Asociación Napoleónica Española, que se dedica a promover a investigación histórica sobre os movementos militares dos séculos XVIII e XIX. En Galicia, a asociación xa conta con sedes na Coruña e en Ferrol e quere que os pontevedreses lembren unha das batallas máis importantes durante a guerra de Independencia en Galicia, xa que impediu a invasión de Portugal.

    O colectivo coruñés, recrea tódolos anos, a finais de xullo a batalla de Elviña, na Coruña. O sábado estiveron en Pontevedra para axudar a por en marcha a iniciativa. Acudiron vestidos con uniformes de tambor e bandeira do cuarto rexemento do Real Corpo de Artillería, de soldado da Guarda Imperial de Napoleón, de soldado de Infantería y de mariscal de Imperio.

    Tras un paseo pola cidade ata o monumento ós heroes de Ponte Sampaio trasladáronse ó concello de Barro. O grupo reuniuse en Barosa. A  futura Asociación Heroes da Ponte do Río Barosa toma o seu nome dunha escaramuza neste concello de Barro, onde un grupo de veciños estiveron a punto de capturar ó mariscal Soul, máximo representante das tropas napoleónicas en Galicia.

    Durante a Guerra da Independencia rexistráronse batallas ou escaramuzas en 27 municipios da provincia de Pontevedra, como poden ser en Barro ou Vilagarcía. A intención destes colectivos é chegar a todos eles e combinar nas recreación o interese cultura cunha vertente turística.

    Redacción Salnés