Cambados deseña o futuro do enoturismo cun Plan Estratéxico

CAMBADOS> Cambados fixa a súa folla de ruta en materia de enoturismo. O concelleiro responsable da área presentou esta mañá un Plan Estratéxico para os vindeiros catro anos composto de doce eidos de actuación. Entre eles, José Ramón Abal priorizou dous: encher de contido o Museo do Viño e dar pulo á Festa do Albariño de Inverno.

Cambados quere seguir apostando pola forza do seu sector enoturístico. Para aproveitar e consolidar os logros dos últimos catro anos, José Ramón Abal deu forma a un Plan Estratéxico de Enoturismo.

O documento está formado por doce puntos e recolle como un dos obxectivos prioritarios dotar á vila dun evento potente no inverno. Isto pasaría por potenciar a recentemente creada Festa do Albariño de Inverno, que duraría unha fin de semana e celebraríase na Ponte da Constitución.

A promoción desta festa comezaría xa no mes de agosto, aproveitando o tirón da Festa do Albariño. Para esta importante cita, a proposta de José Ramón Abal pasa por crear unha comisión de organización ou de seguimento, que dea voz a todos os actores implicados.

Outra das accións claves fixa a atención no Museo do Viño. O edil recoñece que as instalacións están infrautilizadas. Por iso aposta pola súa reformulación, actualizando as exposición, e dotándoo de máis persoal. Tamén propón abrilo ao sector.

Manter o Enobús e a Festa da Vendima, estreitar os irmanamentos con Cigales e a Bretaña Francesa, seguir celebrando o Día Europeo do Enoturismo e incrementar a promoción internacional da oferta enoturística cambadesa, son outros dos deberes que se pon a concellería neste plan.