Os gañadores da Milla Solidaria doan o premio a Con Eles e InteRed

    VILAGARCÍA > Ariadna Martínez e Damián González, proclamáronse este domingo gañadores da II Milla Solidaria de Vilagarcía. Ademais de cadanseu trofeo, ambos corredores recibiron un cheque de 150 euros cada un que doarán á Asociación Con Eles e a InteRed Galicia. Nesta proba solidaria participou unha vintena de persoas.

    Un total de 24 persoas participaron este domingo na II Milla Solidaria de Vilagarcía. A actividade pon fin á Mostra do Voluntariado organizada pola Concellería de Xuventude unindo deste xeito deporte, ocio e sensibilidade social. Despois de varios aprazamentos por mor do mal tempo, nesta ocasión a mañá do domingo estivo soleada e permitiu que os participantes, maiores e pequenos, tomaran a saída ás doce e media desde a rúa Elpidio Villaverde.

    O circuíto desta milla solidaria desenvolveuse no entorno do Auditorio Municipal, pasando polo parque Miguel Hernández e a rúa Rivero de Aguilar. Entre os corredores tamén estivo o concelleiro de Deportes, Carlos Guerrero, que necesitou dos folgos da afección para completar o percorrido. Na categoría masculina o gañador foi Damián González Fernández, e na categoría feminina a primeira en cruzala liña de meta foi Ariadna Martínez Cornazo.

    Na entrega de premios, o concelleiro de deportes encargouse de entregar os trofeos, mentres que a edil de Xuventude, María Araújo, entregoulles cadanseu cheque de 150 euros. Os gañadores recorreron ó azar para escoller a ONG a quen lle doarán o premio. Nesta ocasión, os cartos irán para a Asociación Con Eles e para InteRed Galicia.

    Redacción Salnés