A Xerencia trata a aprobación inicial do PEI número 13, en Sanxenxo

    SANXENXO > O Consello da Xerencia de Urbanismo de Sanxenxo trata este xoves a aprobación inicial do estudio de detalle do PEI número 13, ubicado no centro urbano de Sanxenxo. O desenvolvemento deste polígono reportará preto de 38 mil metros cadrados de zona verde para un parque público e 4.500 metros cadrados para ubicar o edificio do futuro concello.

    Situado en pleno núcleo urbano de Sanxenxo, o polígono de execución integral número trece ocupa un ámbito comprendido entre a rúa Luís Rocafort e o tramo da PO-308 que comunica as vilas de Sanxenxo e Portonovo. O estudio de detalle que se leva ó Consello da Xerencia de Urbanismo ordena máis de 117 mil metros cadrados, dos cales o 40 por cento é para uso residencial, e o 60 por cento restante para zona verde e equipamentos públicos.

    Preto de 71 mil metros cadrados deste PEI corresponden a cesións obrigatorias que pasan a ser de titularidade pública. Destas, máis de 37.800 metros cadrados destinaranse a un gran parque público, que se situará no corazón do polígono. Tal como informou o goberno local con anterioridade, daráselle prioridade á urbanización deste espazo para que os veciños poidan desfrutalo o antes posible. Máis de 4.500 metros cadrados serán para o edificio que albergará o futuro concello e os 28.800 metros cadrados restantes destinaranse a viais. Construirase un acceso desde a PO-308 a través dunha rotonda, haberá varias comunicacións con Luís Rocafort, incluíndo unha rúa nova que continuará a rúa Castelao ata a Rúa Vigo. O costo de urbanización das rúas interiores deberán asumilas nun cen por cento os promotores.

    O resto do polígono, 46.500 metros cadrados terán uso residencial, dos cales un dez por cento corresponde ó Concello. Trala aprobación inicial, o estudio de detalle estará a exposición pública 20 días antes de ser aprobado definitivamente.

    Redacción Salnés