A Asemblea do Liceo ratifica a Álvaro Paz como presidente

    VILAGARCÍA > A asemblea do Liceo Casino de Vilagarcía ratificou a Álvaro Paz como novo presidente da entidade. Ó ser a única candidatura presentada trala dimisión da anterior executiva, os socios non tiveron que votar. Entre os obxectivo da nova dirección, está a profesionalización da xestión e ampliar o número de socios.

    Tal e como estaba previsto, Álvaro Paz é xa o novo presidente do Liceo Casino de Vilagarcía. O venres pola noite celebrouse unha asemblea para elixir nova xunta directiva pero non fixo falta recorrer ás votacións xa que a de Paz foi a única candidatura presentada.

    Ante os douscentos socios presentes, Álvaro Paz expuxo as liñas básicas do que será a súa xestión nos vindeiros catro anos. O presidente anunciou que de inmediato se porían mans á obra para comezar coa primeira fase da nova sede social e deportiva nos Picoutos, en Trabanca Sardiñeira, para o que xa contan cun millón de euros, procedente da venda da sede de Ravella. Para Paz, as primeiras actuacións deberían centrarse na construción dun polideportivo.

    O novo responsable do Liceo insistiu na necesidade de profesionalizar a xestión, coa contratación dun xerente. Isto acompañaríase de procesos de formación do persoal do Liceo. O principal obxectivo, segundo Álvaro Paz será que ningún socio se dea de baixa na sociedade e atraer á mocidade. Neste sentido, a nova directiva pretende por en marcha un estudo sobre as demandas dos fillos dos socios. Paz anunciou tamén que de inmediato se demolería a nave que teñen no Peirao de Pasaxeiros para dar paso á construción dun pavillón de actividades náuticas. Da súa xunta directiva, de momento só se coñece o nome de Francisco Fernández, presidente de Cáritas.

    Redacción Salnés