CATOIRA > A empresa Necso farase cargo das obras do Parque Empresarial de Catoira a partir deste mércores. Segundo informa o concello, os traballos comezarán coa limpeza do terreo, demolicións e movementos de terra para conseguir as rasantes do viais. A oferta presentada pola adxudicataria ascende a 1,4 millóns de euros.
O vindeiro mércores adxudícanse as obras de urbanización do parque empresarial que se construirá na parroquia de Abalo, en Catoira, cun orzamento de 1,7 millóns de euros. Segundo lembra o concello, das dez empresas presentadas a concurso a que presentou mellores condicións foi Necso, cunha proposta económica intermedia de 1,4 millóns de euros. Co inminente inicio das obras culmínanse as xestións realizadas polo goberno local, xa que todo o proceso de adxudicación, xestión, e venda de parcelas é asumido directamente polo Ministerio de Economía, a través da SEPI.
Para a construcción do polígono de Abalo foi necesario expropiar terreos a setenta propietarios que foron indemnizados cun total de 1,2 millóns de euros. O alcalde xestionou o prezo de expropiación das fincas, acordándose finalmente unha cantidade media de 12,39 euros o metro cadrado, o que supuxo un notable incremento respecto ó prezo inicial, que era de 1,8 euros. O terreo onde se construirá o polígono comprende unha zona de monte de contorno irregular, situada no treito da antiga estrada comarcal 550.
Redacción Salnés