A Xunta négase a concretarlle ao goberno central que medios precisa contra a chegada dos pellets

SANXENXO> A Xunta non quere concretarlle ao goberno central os recursos que precisa para facerlle fronte á chegada dos pellets. Coa activación do nivel dous de emerxencia, o executivo central puxo xa todos os seus recursos a disposición da administración galega, pero esta mañá o Conselleiro do Mar evitaba concretar que precisa. Dende Portonovo, Alfonso Villares reiterou que o goberno central se encargue de retira-los pellets no mar antes de que cheguen ás praias.

Coa activación por parte da Xunta do nivel dous de emerxencia, o goberno central puxo a disposición da administración galega tódolos seus medios para facerlle fronte á chegada dos pellets. Pero o executivo de Alfonso Rueda négase a concretar que precisa. Di que ten que se-lo goberno central o que ten que saber que lle fai falta a Galicia para loitar contra a marea de bólas de plástico.

Esta mañá tivo lugar a reunión de seguimento do Plan Camgal. A Xunta insiste en que a súa resposta non chega tarde  e que non se tardou “tanto” en decretar o nivel dous de emerxencia.  Insisten en que ten que ser o goberno central o que debe retira-los pellets no mar antes de que cheguen a terra.

Esta mañá, o Conselleiro do Mar visitou a lonxa de Portonovo, acompañado dos patróns maiores desta localidade e de Sanxenxo. Din que o alarmismo co que se está tratando o asunto pode dana-lo sector.

O Conselleiro do Mar volveu restarlle importancia á posible toxicidade dos pellets. Logo de dicir que non eran tóxicos, varios informes -incluído un da Xunta- advirten de conteñen elementos nocivos.

E sobre a posible inxesta dos pellets por parte dos peixes…

Pola súa banda, dende o concello de Sanxenxo teñen constancia da chegada de pellets a varios areais.

O operativo está encabezado por persoal municipal e creouse tamén unha lista de voluntariado para que participe na limpeza. Ás tarefas sumouse tamén un dron para tentar detecta-la chegada dalgún saco de pellets sen abrir.