Ence ratifica o patrocinio do Pontevedra CF con 400.000 euros

PONTEVEDRA > O Grupo Ence e o Pontevedra Club de Fútbol ratificaron esta mañá un novo convenio de colaboración. A compañía pontevedresa mantén o seu patrocinio ó equipo granate cunha aportación de 400 mil euros. A directiva do Club agradece este apoio en tempos difíciles e espera celebrar cos seus patrocinadores o regreso a 2ª A.

O Pontevedra Club de Fútbol recibirá 400 mil euros do Grupo Ence. Os responsables de ambas entidades renovaron esta mañá o convenio de patrocinio para esta tempada, unha colaboración que manteñen desde hai cinco anos. O acto celebrouse no Complexo Industrial de Ence en Pontevedra, coa participación de directivos, técnicos e xogadores do club granate, ademais do director do asentamento de Lourizán, Adolfo Asuar, e do Director de Enerxía-Enersilva, José Manuel Seoane.

O presidente do Pontevedra, Nino Mirón, agradeceu este apoio e desexou poder brindar o ascenso a 2ª A ós seus patrocinadores. O Director do Asentamento Industrial de Lourizán recoñeceu que o esforzo que fai o Grupo con este patrocinio é importante pero cre que o club granate o merece. Destaca do Pontevedra que está moi integrado na cidade e que ten unha gran aceptación social e asegura que por iso apostan polo equipo.

Pola súa banda, o Director de Enerxía-Enersilva e xestor das tres fábricas de producción de celulosa de Ence destacou a boa situación na que se atopa hoxe en día o equipo granate e animou ó club a seguir traballando para conseguir ilusionar á afección. José Manuel Seoane asegurou que non quere perderse o regreso a 2ª A, pero que nestes momentos difíciles seguen mantendo o mesmo apoio ó Pontevedra.

Redacción Salnés