RIANXO> A Garda Civil investiga a aparición dun macabro achado nunha vivenda que está a ser rehabilitada na avenida de Rinlo. Trátase dunha bolsa, en cuxo interior había varios ósos e un cranio, en apariencia humanos.
Foron os propios albaneis que están a traballar na casa os que se atoparon con ela cando realizaban labores de desentullo. Ó parecer a vivenda levaba deshabitada dende hai máis de trinta anos.
Unha vez recollidos, para o que foi necesaria a correspondente autorización da autoridade xudicial, neste caso o xuíz de garda de Padrón, os restos foron enviados para a súa análise o instituto anatómico forense do hospital de Santiago.
Fontes próximas á investigación informaron de que a vivenda pertenceu no pasado o antigo enterrador, e que, aínda que estraño, o achado puidera gardar relación con el, algo que deberá confirmar a investigación.
A nova causou unha gran consternación na vila, pero tamén unha fonda curiosidade co fin de determinar a quen poden pertencer estes restos óseos.