Ribadumia organiza unha festa infantil de Fin de Ano

    RIBADUMIA > Os nenos de Ribadumia terán actividades practicamente tódolos días do Nadal. O concello deu a coñecer o xoves o programa que inclúe talleres e obradoiros, teatro, maxia e concertos. Como novidades, destaca unha festa infantil de fin de ano e a cabalgata de Reis, que este ano se fará no entorno da casa consistorial.

    Talleres, concertos, conta contos, teatro ou maxia conforman o programa de actividades deseñado polo Concello de Ribadumia para este Nadal. Ata o 8 de xaneiro os nenos estarán practicamente tódolos días ocupados. O día 23 representarase no Centro Social de Barrantes o Belén Vivinte e celebrarase o concerto de panxoliñas. Ata ese día os rapaces poderán prepararse en diversos talleres, ademais de recibir algunha noción de decoración. A partir do día 26 os talleres serán de adornos de Nadal, figuras de barro ou instrumentos musicais. En xaneiro celebraranse obradoiros de conta contos e manualidades. Serán todos na Casa de Cultura de Ribadumia. Entre as novidades destaca este ano unha festa infantil de fin de ano, o día 30 ás cinco da tarde.

     

    No programa non faltan os concertos de Nadal, este sábado actúa en Ribadumia a Banda Municipal e o 23 e o 30 en Barrantes actúa a Agrupación músico cultural. Tamén haberá teatro, o xoves 29 represéntase a obra Conto contigo, e o 3 de xaneiro A ruleta rusa. Os nenos terán incluso maxia e ilusionismo, o día 28 deste mes a cargo de Yoskar. Pero sen dúbida, a maior atracción dos nenos será a Cabalgata de Reis. Este ano os Magos de Oriente recibirán ós cativos no concello. Será o 5 de xaneiro ás sete da tarde, e o concello disporá un medio de transporte para tódolos veciños.

     

    O deporte tamén está incluído neste programa. Esta fin de semana celébrase o campionato galego de ciclo cross e os días 7 e 8 de xaneiro será a o campionato de España desta modalidade.

    Redacción Salnés