Vilagarcía acollerá en 2006 XXIV Semana de Estudios do Mar

    VILAGARCÍA > A Deputación de Pontevedra colaborará coa Asociación ASESMAR na organización da Semana de Estudios do Mar en Vilagarcía. O presidente da Cámara de Comercio arousá foi o encargado de transmitir esta iniciativa ó responsable da Deputación. O ciclo de conferencias podería celebrarse en Vilagarcía en outono de 2006.

    A Deputación de Pontevedra colaborará o vindeiro ano na organización da vixésimo cuarta Semana de Estudios do Mar en Vilagarcía de Arousa. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, recibiu este xoves no pazo provincial a Carlos Oubiña, presidente da Cámara de Comercio de Vilagarcía, quen lle solicitou colaboración na organización desta actividade, promovida pola Asociación de Estudios do Mar (ASEMAR) dirixida por Juan Manuel Blanco.

    Segundo explicou Carlos Oubiña, esta Semana de Estudios do mar ten por obxectivo a difusión dos coñecementos do mar e do seu entorno nos seus múltiples e variados aspectos. Esta actividade vense celebrando anualmente e de forma ininterrompida en distintas cidades portuarias españolas. Consisten no desenvolvemento dunha serie de conferencias e coloquios sobre temas marítimos a cargo de persoas altamente cualificadas. Son xornadas dirixidas principalmente a universitarios e postgraos.

    A última Semana de Estudios do Mar foi celebrada en Santa Cruz de Tenerife na que se abordaron temas tan interesantes como a protección das augas; causas e efectos do tsunami; e, entre outros temas, o cambio climático. No caso de Vilagarcía, a previsión de ASEMAR é organizar este ciclo de conferencias nos meses de setembro ou outubro do vindeiro 2006.

    Redacción Salnés