Os nenos de Rubiáns quedan sen reforzo por falta de axudas para contratar un profesor

    VILAGARCÍA> Os pais e nais do Colexio de Rubiáns denuncian novos recortes na educación. Para este curso, o centro non conta con profesorado para impartir o Programa Proa, dirixido a rapaces que precisan dun apoio nos seus estudos. Ata o de agora, mestres voluntarios encargábanse de impartir esta iniciativa aprobada dende a Xunta, e da que se benefician preto de 30 nenos.

     

    A Xunta concede o programa Proa pero non destina fondos para financialo. Esta é a contradición que atoparon este curso no colexio de Rubiáns, un centro que dispón dun orzamento de 15 mil euros por curso e 150 alumnos. Ata o de agora, profesores voluntarios eran os que se encargaban de poñer este programa en marcha, destinado aos alumnos con máis dificultades para o estudo.

    Pola contra, dende a Consellería si que concederon a axuda para o transporte dos nenos incluídos neste programa. Algo inservible se non contan con docente que o imparta.

    Para a ANPA, esta decisión é un ataque á diversidade. Un novo recorte que deixa atrás aos rapaces con máis problemas. E é que do programa PROA se beneficiarían ata 30 nenos que precisan dun reforzo nos seus estudos.

    Este novo recorte se ven sumar a outros que xa atoparon neste curso: a supresión das axudas para o material escolar, o pago dos comedores ou a redución da contratación do profesorado de educación especial.

    Outro dos problemas do centro é o mal estado do pavillón. Humidades, goteiras e o solo levantado, son algunhas das deficiencias que arrastra dende hai dez anos. De momento continúan á espera de que a Xunta emita un informe valorando estas carencias, comprometido a principios de 2014.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/04/anpa_ceip_rubians.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/04/anpa_ceip_rubians.mp4{/flowplayer}