A antiga telleira de Vilalonga está xa rehabilitada

    SANXENXO > Rematáronse xa os traballos de rehabilitación da antiga telleira de Sanxenxo que se converterá  no Centro de Interpretación da Natureza. Trátase dun edificio luminoso dunha soa planta, no seu  interior atópanse os antigos fornos. A zona exterior será obxecto dunha actuación exterior que permitirá a recuperación do entorno de Vilalonga.

    A antiga telleira atópase no lugar da Fianteira, litoral de Vilalonga no concello de  Sanxenxo. A rehabilitación deste edificio que albergará o futuro centro de interpretación da natureza, deu como resultado un edificio luminoso de 2.600 metros cadrados dunha soa planta. As fachadas exteriores teñen un acabado en ladrillo tella, moi parecido ó que aínda se produce na zona. Consta dunha recepción, unha sala de exposicións que acolle os fornos orixinais, unha sala de exposicións itinerante, unha sala de audiovisuais, un centro de documentación, almacén, tenda, oficina e aseos. Esta edificación, ten ademais o obxectivo de favorecer a visita en inverno de máis de 200 especies de aves. Na súa reconstrucción buscouse en todo momento recuperar unha antiga tradición que se mantivo ata mediados do século vinte como era a fabricación de ladrillos, tellas e outros elementos de cerámica. As instalacións e o espazo que o rodea servirá tamén de encontro  social e cultural dos veciños de Vilalonga. A zona exterior será obxecto de unha actuación posterior.