Récord de alcoholemias e lixo no día da Auga

    VILAGARCÍA> 99 positivos por alcoholemia en apenas 12 horas, 146 asistencias hospitalarias e un acoitelamento. Son as cifras de incidencias que deixou este ano a festa da auga de Vilagarcía. Batéronse récords, en alcoholemias, en atención sanitarias e en lixo recollido: 42 toneladas, 10 máis que o ano pasado. Agardábase unha multitude na festa da auga de Vilagarcía e os dispositivos de emerxencias, seguridade e limpeza deseñáronse á medida. Aínda así, a ristra de incidencias deixa datos destacados. Algúns de récord. É que no 16 de agosto non só corre auga polas rúas de Vilagarcía, de aí que a Garda Civil de Tráfico despregara un amplo control de alcoholemia para evitar perigos en estrada cos festeiros. E o balance, como diciamos, de impresión: 99 positivos en pouco máis de doce horas: entre as sete e media da mañá e as oito do serán. Nunca en Galicia se rexistraran tantas alcoholemias positivas en tan curto período de tempo. Detectáronse en tódalas estradas que rodean a cidade: as principais vías de entrada e saída e as secundarias. En total fixéronse 1.767 probas, 88 condutores denunciados pola vía administrativa e 11 conducidos ós xulgados por un delito contra a seguridade viaria. A maiores houbo dous positivos por drogas. Ás intervencións en estrada houbo que sumar as incidencias que se rexistraron na noite. A máis grave, o acoitelamento dun mozo de 20 anos na rúa Rosalía de Castro. Ó parecer intentara mediar nunha pelexa e saíu danado. Foi unha ferida superficial. Non corre perigo. Segundo datos facilitados polos Servizos de emerxencias, houbo máis pelexas a primeira hora da mañá na zona TIR, un dos puntos máis conflitivos xunto á praia e a subida á estación. Tamén se atenderon trece intoxicacións etílicas e mancaduras como cortes e magoaduras. No hospital rexistráronse 146 atencións en urxencias durante o sábado, a meirande parte por patoloxías menores. O resultado de tanta diversión quedou logo plasmado nas rúas. 42 toneladas de lixo recolleu o operativo especial de limpeza na ‘zona cero’ das celebracións, é dicir, praias da Concha e Compostela, paseo marítimo, TIR, Miguel Hernández, O Cavadelo e zona húmida, dez máis que o ano pasado. E as labores seguían esta mañá noutros puntos periféricos como Fexdega ou Pablo Picasso. 72 persoas participaron este ano no operativo de limpeza, que tamén se aumentou nesta ocasión en 12 persoas para garantir a axilidade dos traballos.