Maceiras reúnese con Suárez Canal

    POBRA > O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, ten previsto manter este martes unha reunión co conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, para cambiar impresións sobre o convenio para a realización de melloras nos camiños rurais. No caso de que a Consellería non asuma as obras aprobadas pola anterior Xunta de Galicia, o concello incluirá os traballos nos presupostos do vindeiro ano.

    As actuacións incluídas no plan rural para tódalas parroquias do concello consisten no acondicionamento, rego e bacheo ademais da limpeza especial de cunetas en tódalas pistas. Así mesmo, contémplase o cambio do alumeado e a instalación de novos puntos de luz onde sexa preciso.

    En total, acometerase o acondicionamento de vinte camiños: a vía que une Ouxo con Vilariño, a que vai do Vilariño ós Casás e Pumadiño, os accesos de Lobagueira a Sanisidro, a vía de Pontebarbanza ó Petón do Xisto, o acceso ás pistsas polideportivas de Pontebarbanza, a vía do Petón do Xisto a Portocarro, Romeiras, Freáns, Sende, Quintáns, camiño de Lesón a Tarrío, Pedreira, Río Morto, as pistas dende a Figueira ata Pontenaveira e Camiño Ancho, Outeiro, Inferniño e Camiño da Gándara.

    A actuación suporá un investimento próximo ós trescentos mil euros que, no caso de non ser financiados pola Consellería de Medio Rural, serán asumidos polo concello.

     

    Redacción Barbanza