Unha explosión en FINSA deixa oito feridos, un deles grave

PADRÓN> Ó parecer o suceso producíase cando os operarios realizaban tarefas de illamento nunha zona de tubaxes da factoría madeireira.

A normalidade volveu hoxe a esta factoría de Finsa en Padrón. Aínda así na zona palpábase unha certa conmoción despois do acontecido na tarde de onte, cando unha forte explosión nunha zona de tubaxes da factoría provocou que resultaran feridos un total de oito traballadores, de entre 26 e 53 anos, un deles de consideración. Ata o lugar desprazáronse diversos equipos de emerxencias, así como o helicóptero do 061 con base en Santiago e tamén varias ambulancias que se encargaron de trasladar ós feridos a distintos centros hospitalarios.

Ó parecer os traballadores, que pertencen a unha empresa externa, atopábanse realizando diversos labores de mantemento nunha das zonas de tubaxes da factoría madeireira cando se produciu a deflagración. A maioría deles xa foron dados de alta, a excepción dun deles, o que presentaba feridas de maior consideración, que segue hospitalizado na Unidade de Queimados do Hospital Juan Canalejo da Coruña.