Un Pleno Extraordinario abre os actos do 25 aniversario do Parlamento Galego

    GALICIA > O Parlamento Galego está de cumpreanos. Celebra o seu 25 aniversario que comezou cun pleno extraordinario no que interviron tódolos grupos políticos e unha representación de mozos nados en 1981. A reforma do estatuto e o chamamento ó consenso foron temas recurrentes ó longo de todo o acto.

     

    O discurso da presidenta do Parlamento, Dolores Villarino,  abriu a rolda de intervencións na inauguración do 25 aniversario da institución. Dolores Villarino resaltou a importancia do Parlamento como órgano de representación e debate dos galegos.  Tamén os voceiros dos grupos parlamentarios destacaron a importancia do Parlamento, sen esquecer que tivo limitacións que poderían subsanarse nun futuro, e aquí as referencias á reforma do estatuto foron constantes. O acto rematou coa inauguración dunha escultura de Fernando Blanco que representa a concepción do Parlamento. As raíces nacen na rúa e está formada por múltiples pezas. Tamén houbo diversas actuacións musicais como a do Coro de Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia que interpretou o Himno Galego.

     

    Pero antes da sesión no Parlamento, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reuniuse con cen xóvenes nados en 1981 que foron convidados ó acto. Ante eles, o presidente galego pediulle ós partidos que recuperen o esforzo común que hai 25 anos permitiu aproba-lo Estatuto de Autonomía de Galicia e propicien unha reforma do texto vixente sen convertir á comunidade nun problema para ninguén e allea a protagonismos particulares. O titular da Xunta incidiu na necesidade de supera-las lexítimas posicións particulares de cada territorio e de cada país polo ben do interese xeral dunha comunidade nacional que quere compartir que Galicia está por riba de todo.  
    Redacción Salnés