VILAGARCÍA > A explosión duns tanques de hidrocarburos preto de Londres reavivou a polémica dos depósitos de Ferrazo en Arousa. A Plataforma en Defensa da Ría esixe un plan de emerxencia exterior ante o risco destas estructuras, con vivendas a menos de 400 metros de distancia.
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa reivindica a redacción dun Plan de Emerxencia Exterior que planifique como hai que actuar para salvar a miles de persoas que viven no radio de acción dun hipotético accidente nos tanques de combustible de Ferrazo, no Porto de Vilagarcía. A alarma deste colectivo volve a saltar tralo reciente accidente ocorrido a 35 quilómetros de Londres ó explotar varios tanques de hidrocarburos.
A Plataforma sinala que o normal é que estes tanques estean a suficiente distancia dos lugares habitados. No caso dos de Ferrazo, hai vivendas a partir dos 350 metros lineais. Baseándose nun informe da Universidade de Vigo, a PDRA lembra que edificios públicos como o instituto Cotarelo está a 800 metros, e os Xulgados e a Policía Nacional, a 1.250 metros. Para a plataforma, outra variable de risco é o nivel de exposición que se define como a cantidade de persoas, recursos naturais e productivos e bens materiais expostos ós efectos dun determinado accidente. O colectivo considera evidente a ampla riqueza ecolóxica, turística e productiva da ría de Arousa e a súa importancia social e económica, polo que cre que o nivel de exposición no caso dos depósitos de Ferrazo é moi elevado e o seu risco é alto.
Segundo o estudio da Universidade de Vigo, na hipótese máis benigna de fuga e incendio de 150 metros cúbicos de fuel óleo destes depósitos provocaríase unha bola de lume nun radio de 221 metros e a letalidade sería total nun radio de 498 metros.
Redacción Salnés