![]()
VILAGARCÍA > CCOO estuda emprender accións legais contra o alcalde en funcións de Vilagarcía polo que consideran …
… unha nova represión sindical. Gago asinou o pasado día 6 unha resolución de traslado de persoal que CCOO considera inxustificada. Ademais, dos seis trasladados, 3 son dese sindicato polo que ven nela un ánimo de vinganza.
Os servizos xurídicos de Comisións Obreiras están a estudar unha reclamación por vía administrativa ou penal contra o alcalde en funcións de Vilagarcía, Javier Gago, por represión sindical. O delegado de Comisións no Concello Miguel Ángel Alonso denunciou hoxe ante os medios de comunicación un decreto asinado por Gago o pasado día 6 para trasladar de postos a determinados funcionarios. Segundo explicou a resolución foi motivada pola petición dun funcionario que traballaba de operario de electricidade e que solicitou un cambio de actividade.
Alonso é precisamente unha das persoas trasladadas. Antes ocupaba unha praza de auxiliar administrativo na oficina periférica de Carril e desde onte está no Rexistro de Entrada. Para o seu posto foi o operario de electricidade, e aínda que non dubida da súa capacidade, Alonso indica que a oficina de Carril estivo onte desbordade e que tivo que recibir apoio por parte da persoa que leva a oficina de Vilaxoán, provocando o peche desta por tempo indefinido.
Comisións critica as formas desta decisión que consideran inxustificada e ademais por tomarse poucos días antes do cambio de corporación. Das seis persoas trasladadas, tres son deste sindicato, polo que ven nesta resolución un ánimo de vinganza por parte de Gago contra Comisións, precisamente, un dos sindicatos que máis se opuxo no proceso de catalogación dos postos de traballo do Concello.
Redacción Salnés





