VILANOVA> Vilanova contará co seu propio obradoiro de hostalería. A Xunta de Galicia concede ao concello este programa de emprego, que se denominará Mar de Santiago. Impartirase nas instalacións do Pazo Vista Real. O goberno local xa iniciou as xestións para dotalo dos equipamentos necesarios para impartir as clases, que queren comezar no mes de xaneiro.
Os antigos cortellos do Pazo de Vista Real, en Vilanova, converteranse nunha cociña completamente equipada. Serán as instalacións do novo obradoiro de hostalería que a Xunta de Galicia vén de conceder ao concello.
Chamarase Mar de Santiago, e permitirá que 16 alumnos de entre 18 e 25 anos se formen nas especialidades de cociña e servizos de restaurante e cafetería. O concello contará cunha subvención da Consellería de Economía de case 370.000 euros.
A intención é que a formación comece no mes de xaneiro, pero antes o concello ten que afrontar o acondicionamento das instalacións que acollerán o obradoiro.
Con este obradoiro, o concello quere complementar as tres prazas que lle corresponden a Vilanova no marco da acción da Mancomunidade do Salnés.