Maxia e teatro para os nenos no Nadal de Vilagarcía

    VILAGARCÍA > O Mago Teto inaugura este venres a programación infantil deseñada pola Concellería de Cultura de Vilagarcía. Os rapaces terán ata Reis varias funcións de teatro e maxia polas tardes. O prezo será de un ou dous euros e as entradas xa se poden adquirir na taquilla telefónica de Caixanova.

     

    Maxia, teatro e títeres conforman a oferta cultural deseñada polo concello de Vilagarcía para os máis pequenos da casa. A programación comeza o venres co Mago Teto, que estará no Auditorio ás cinco da tarde. Neste escenario terán lugar case tódalas funcións e a esa mesma hora. O 26 estará Os Quinquilláns, o 27 Teatro do Andamio, o 2 de xaneiro caramuxo Teatro, o 3 Migallas, e o 4 Metaformosis Teatro. Ademais, na Peixería ofrecerá unha triple función o mago Antonio Romarís. O prezo para tódalas funcións oscila entre 1 e 2 euros.

     

     

    Este Nadal os cativos terán ofertas de ocio durante todo o día. Ademais da programación cultural, a concellería de Xuventude abre este venres o obradoiro de Nadal A Zambomba na que participarán 35 nenos. Desenvolverase polas mañás no colexio da Escardia e rematará cunha excursión a dúas exposicións en Vigo e á granxa Serantellos de Cambados. Polas tardes, desde este xoves os nenos teñen un espacio de ocio na praza da Peixería, organizado por Zona Aberta.

     

     

    A Concellería de Cultura avanzou tamén outras actividades para o mes de abril, con varias funcións de títeres.

    Redacción Salnés