Telmo Martín defende que a reforma do miradoiro da Peixeira converte a zona nun punto de encontro veciñal

SANXENXO> Sanxenxo ultima o reacondicionamento do miradoiro da Peixeira e o acceso ao Campo de San Roque, en Portonovo. Trátase dun proxecto que permitiu crear máis espazo para os peóns ao tempo que se recupera o borde costeiro. Unha actuación que rolda o millón de euros, do que a Deputación achega o 80% e o Concello, o 20%. Esta fin de semana visitaron a zona o presidente provincial e o alcalde.

Visita de Luis López e Telmo Martín á obra de renaturalización do miradoiro da Peixeira e a mellora da accesibilidade ao Campo de San Roque, en Portonovo. Uns traballos que roldan o millón de euros, financiado ao 80% pola Deputación de Pontevedra e o 20 restante polo concello. O alcalde destacou a transformación do espazo, convencido de que se converterá nun punto de encontro para veciños e visitantes.

A reforma tradúcese na ampliación dun espazo de prioridade peonil que se suma ao mirador e que inclúe a vía que separa a subida ata o Campo de San Roque. Os coches poderán circular, pero a unha velocidade reducida. Tamén se mellorou esa subida ao Compo de San Roque, suaviando a rampla e serpenteando o seu percorrido. No borde costeiro, optouse pola renaturalización recuperando o estado do litoral previo ao miradoiro. O presidente provincial destaca a relevancia do proxecto.

O alcalde aproveitou esta visita para reivindicar o carácter mariñeiro e tradicional da vila de Portonovo. Destacou algúns dos proxectos xa executados para manter esa esencia ao tempo que avanzou seguintes obxectivos.

Durante a visita, un grupo de veciños da zona amosaron o seu rexeitamento a este proxecto. Quéixanse da supresión de varias prazas de estacionamento e das molestias que lles supón, din, poder acceder agora ás súas vivendas. Lamentan que a súa opinión non se tivese en conta dende o inicio da reforma.