SANXENXO/PONTEVEDRA> Mobilización dos sindicatos sanitarios para denunciar a saturación da atención primaria. Os profesionais denuncian que o servizo está ao borde do colapso en xeral. O seu lema: sobran políticos e xestores, falta profesional sanitario. A falta de medios, o verán e a pandemia poñen aos centros de saúde contra as cordas.
A falta de medios, o verán e a pandemia poñen aos centros de saúde contra as cordas. Os profesionais da sanidade alertan do colapso da Atención Primaria.
Hoxe oito sindicatos sanitarios chamaron á mobilización a profesionais e a veciños. Fixérono pola mañá diante do PAC de Baltar, en Portonovo, un dos máis castigados pola falta de recursos.
Aproveitaron tamén a concentración diante do centro de saúde para criticar as declaracións do alcalde de Sanxenxo no pleno municipal. Telmo Martín acusounos de facer política e cuestionou a súa profesionalidade.
Os profesionais téñeno claro: sobran políticos e xestores e falta profesional sanitario. Un lema que amparou tanto a mobilización en Portonovo como a que ao mediodía convocaron diante do Hospital Provincial de Pontevedra.
Saíndo ao paso destas concentracións, en nota de prensa o Sergas asegura que mantén a súa planificación estival para o verán. Defenden que traballan para compatibilizar o mantemento da atención coas vacacións do profesionais e, aínda que a súa prioridade é substituír todas as ausencias, en ocasións teñen que recorrer á prolongación da xornada laboral ou á substitución interna entre servizos. Así as cousas insisten en que manteñen a continuidade asistencial.