PONTECESURES > A consellería de Medio Rural estudiará a viabilidade da realización dun acceso ó lugar da Toxa, no Concello de Pontecesures. O delegado provincial deste departamento autonómico, Gonzalo Constenla, visitou esta mañá o municipio, onde se reuniu cos portavoces dos grupos municipais, agás o PP que escusou a súa ausencia.
O acceso á Toxa foi un dos proxectos solicitados polo concello e que tivo ocasión de visitar in situ o delegado provincial. Trátase dunha obra moi demandada polos veciños da zona, dado que actualmente existen problemas de acceso para certos vehículos como poden ser ambulancias, ou camións de subministro de gas butano ou mesmo de construcción. A actuación ten a súa dificultade xa que para anchear a pista habería que atravesar un canal de auga. O goberno municipal tamén lle trasladou a necesidade de mellorar e ampliar o camiño rural de Couto, que une os lugares de Carreiras e Condide.
Ademais destas actuacións, por parte do grupo socialista solicitóuselle ó delegado de Medio Rural a posibilidade de desenvolver un sistema de concentración parcelaria privada en Grobas e Centeira. Trátase de dous lugares agrícolas que afectan a 17 propietarios. Por parte de ACP, o concelleiro Luís Ángel Sabariz lembrou a necesidade de adquirir un tractor desbrozador.
O delegado de Medio Rural asegurou que estudiará estas demandas e que tratará de encauzalas nos orzamentos do vindeiro ano. Gonzalo Constenla manifestou que o seu departamento terá en conta o grao de investimentos da Xunta no concello de Pontecesures.
Redacción Salnés