Aínda quedan prazas na gardería municipal de Ribeira

    RIBEIRA > O concello de Ribeira vén de informar que aínda quedan prazas libres para matricularse na gardería municipal. Na actualidade o número de nenos sitúase nos 113.

    A gardería municipal de Ribeira comezou a funcionar no mes de marzo, aínda que a súa inauguración oficial non se produciu ata un mes máis tarde.

    Dende aquela o centro infantil está aberto de luns a sábado dende as sete da mañá ás dez da noite e as cotas que deben aboa-los proxenitores varía en función do horario escollido, aínda que non soen supera-los 110 euros mensuais.

    Polo de agora quedan aínda prazas vacantes, xa que a Escola Infantil de Ribeira ten capacidade para 115 nenos. Así os pais interesados en realiza-los trámites de inscrición do seu fillo na gardería aínda están a tempo de facelo.

    Segundo sinalaron fontes do propio concello ribeirés a maior demanda de prazas prodúcese nas unidades de un a dous anos e de dous a tres, debido a que cando o neno ten só uns meses os proxenitores non se animan tanto a deixalo na gardería.

    Na actualidade a escola infantil de ribeira presta servizo a un total de 113 nenos, dos que aproximadamente o 42% pertence a familias con rendas inferiores ó salario mínimo interprofesional, existindo tamén unha porcentaxe moi alta de cativos pertencentes a minorías étnicas.

    Este servizo conforma unha alternativa educativa para os rapaces menores de tres anos contribuíndo ó desenvolvemennto físico, cognitivo e afectivo-social. Así mesmo, pretende ser un medio para a conciliación entre a vida laboral e familiar e proporciona igualdade de oportunidades educativas a tódolos cativos do municipio.

    Ademais destas funcións, a escola axuda ó neno a saír do núcleo familiar e comezar a relacionarse con outros nenos e con adultos, de xeito que o seu campo afectivo vese ampliado.

    O concello de Ribeira confía en que para o vindeiro curso escolar a escola infantil teña cuberta a totalidade da súa capacidade.

    Redacción Barbanza