O concello de Ribeira pide a colaboración cidadá contra o vandalismo

    RIBEIRA > O concello de Ribeira vén de solicitar a colaboración de tódolos cidadáns para facer fronte ós actos de vandalismo que se veñen producindo ultimamente no municipio. Ó longo desta semana rexistráronse diversas agresións contra o mobiliario urbano na parroquia de Palmeira, onde varios farois situados na Praia da Corna apareceron esnaquizados.

    De “intolerables” cualificou o executivo municipal, os estragos que está a sufrir o mobiliario urbano a causa das, cada vez máis frecuentes, agresións e actos vandálicos rexistrados no municipio ribeirés.

    Estes danos supoñen un considerable gasto para os fondos municipais, impedindo deste xeito abordar outras actuacións necesarias no concello.

    O exemplo máis próximo deste tipo de feitos tivo lugar esta semana na praia da Corna de Palmeira, onde un total de once farolas do parque público quedaron esnaquizados a causa das pedradas duns gamberros.

    A intención do executivo é garantir o bo estado e as óptimas condicións de tódalas parroquias do municipio. Para conseguilo, solicita a colaboración de tódolos cidadáns na loita contra o vandalismo en prol do civismo e a concienciación social.

    A este respecto, dende o concello sinálase que estes actos contra o mobiliario urbano e os servizos públicos afectan directamente á calidade de vida dos veciños ademais de implicar investimentos importantes para a reparación dos danos causados. Por este motivo, anima a toda a poboación a denunciar este tipo de actuacións contra o patrimonio público.

    Redacción Barbanza