Investigan os estragos a varios vehículos en Bandaurrío

RIBEIRA> A Policía Local abriu unha investigación para determinar a autoría dos estragos producidos esta pasada fin de semana en varios vehículos estacionados na zona de Bandaurrío. Algúns dos turismos apareceron con rodas picadas, espellos retrovisores colgando e outros envoltos con cinta de carroceiro.

Este é o estado no que quedaron algúns dos coches que esta pasada fin de semana sufriron diversos estragos. A Policía Local xa abriu unha investigación para dar co posible autor ou autores dos feitos. Todo apunta a unha falcatruada.

A zona na que se produciron os estragos é ademais onde se concentra a maior parte dos locais da movida nocturna na cidade,  polo que os feitos poden estar relacionados. Hoxe a maioría dos vehículos que sufriron danos xa foran retirados da zona polos seus propietarios, pero aínda quedaba algún no que podían verse as rodas picadas e os espellos retrovisores esnaquizados. De seguro que non lle fixo ningunha gracia ós propietarios…

O grupo municipal do BNG fíxose eco deste problema, que segundo eles se suma tamén ós roubos que afectan a negocios e a particulares, creando unha certa inseguridade na veciñanza. Para os nacionalistas trátase dunha situación derivada  da falla de efectivos tanto na Policía Local coma na Policía Nacional.

Por esta razón solicitaranlle ó goberno local a convocatoria inmediata da Xunta de Seguridade Local e a Comisión informativa de mobilidade e seguridade cidadá para afrontar os problemas que se rexistran en Ribeira e tomar medidas efectivas para garantir a seguranza de comercios, vivendas e particulares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí