O Paseo da Pedra Moura estará rematado nun mes

    POBRA > As obras do Paseo da Pedra Moura, na Pobra do Caramiñal, atópanse nun estado moi avanzado polo que as previsións apuntan a que estarán rematadas no prazo dun mes. Esta actuación permitirá a conexión do concello pobrés cos municipios limítrofes a través do bordo litoral.

    O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, e o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Castro, supervisaron as obras e comprobaron a boa marcha dos traballos que se están a levar a cabo na localidade co gallo da recuperación e mellora do contorno do bordo marítimo comprendido entre Punta Mosquetón e Punta Cabío.

    A actuación, financiada na súa totalidade polo Ministerio de Medio Ambiente a través da Demarcación de Costas, está a ser realizada pola empresa Alcuba, sendo o orzamento de licitación superior ós 733 mil euros.

    A obra suporá a construción de preto dun quilómetro de paseo marítimo e senda peonil. 

    O rexedor pobrés confía en poder inaugurar esta actuación durante o primeiro trimestre do 2006, para que poida ser empregado polos veciños e tamén visitantes que acoden á vila durante a temporada estival.

    A obra virá a potenciar unha zona de gran beleza paisaxística, con zonas de estancia e de ocio, na que sobresaen varios miradoiros dende os cales se pode divisar boa parte da Ría de Arousa.

    O concelleiro de Medio Ambiente pobrés fixo referencia ás características desta actuación na que destaca o uso de materiais axeitados ó contorno como é a pedra e a madeira.

    Redacción Barbanza