O concello de Ribeira solicita o apoio da SEA para a ampliación do polígono industrial

RIBEIRA> O executivo ribeirense mantivo un encontro coa xerencia da SEA, Solo Empresarial do Atlántico, co fin de plantexar novas alternativas que permitan satisfacer a elevada demanda de chan industrial no municipio e tamén na comarca. Na xuntanza tanto o goberno ribeirense como a SEA coincidiron na urxencia de atopar unha solución rápida a este problema de falta de solo empresarial.

O concello de Ribeira segue a dar pasos na busca de financiamento para a construción do novo polígono industrial. Esta mesma semana, os responsables do executivo local mantiveron unha xuntanza coa xerencia do Suelo Empresarial del Atlántico á que lle solicitaron colaboración para poder desenvolver o proxecto que prevé unha ampliación de maís de 250 mil metros cadrados.

Na actualidade, o concello xa ten definido o proxecto e conta co compromiso da Deputación para mellorar o trazado viario que conecta co futuro parque. Sen embargo, precisa da implicación doutras administracións posto que o investimento inicial ascende a 13 millóns de euros.

Pola súa banda, a xerente de SEA comprometeuse a estudar o proxecto e apoiar a dotación de chan empresarial na zona máis viable posto que o obxectivo da entidade é favorecer a creación de emprego na comarca facilitando a implantación de novas empresas ou a ampliación das xa existentes.