BOIRO > Novo incendio forestal no Barbanza cun agravante xa que nesta ocasión o lume achegouse ata ben preto das casas. Acontecía este venres pola mañá na parroquia de Escarabote, en Boiro, onde unhas cinco familias estiveron a piques de ter que desaloxa-las súas casas. Afortunadamente, grazas á rápida intervención dos bombeiros todo quedou nun susto.
A alarma saltaba arredor das once menos cuarto da mañá cando o equipo de bombeiros do parque comarcal de Boiro recibiu o aviso dun lume en Escarabote que se estaba a achegar perogosamente ás viviendas próximas ó monte. A dotación de garda desprazouse ata o lugar do incendio con dous camións e ó chegar alí comprobaron que existía risco para os veciños posto que o lume xa se atopaba moi preto das casas. Para evitar que seguira aproximándose, os bombeiros montaron unha liña de ataque que conseguiu frear o frente de lume. Para a súa extinción foi precisa a ultilización de nove mil oitocentos litros de auga durante máis dunha hora de traballo.
Durante a intervención dos bombeiros, os habitantes tiveron que saír das vivendas debido á intensa fumareda provocada polo lume que estivo a piques de afectar directamente a cinco vivendas, facéndose extensible o risco a outras casas que se atopan nas proximidades do foco. Afortunadamente, as rápidas tarefas de extinción conseguiron sofoca-las lapas a tempo evitando que houbera que lamentar danos materiais e persoais.
Lamentablemente, a comarca do Barbanza segue a ser unha das zonas de Galicia máis castigada polos incendios. Ás nefastas consecuencias derivadas da destrucción da superficie forestal hai que engadir o perigo de que, como sucedeu nesta ocasión, o lume poida alcanzar ás casas que se ubican nas inmediacións do monte.
Redacción Barbanza