Os hostaleiros de Boiro meteranlle un gol ó cancro

    BOIRO> O campo de fútbol de Vista Alegre, en Boiro, encherase este sábado de espectadores co partido benéfico organizado por varios hostaleiros da vila en favor da Asociación Española contra o Cancro. Ademais de colaborar na investigación contra o cancro, os dous euros que vale a entrada a este partido benéfico darán dereito ós seus portadores a participar nos numerosos sorteos que se celebrarán tanto no descanso como ó remate do encontro. Tódolos premios serán doados por casas comerciais do concellos e arredores que desexan sumarse tamén a esta iniciativa solidaria. O partido benéfico, que dará comezo ás seis da tarde, nacía hai catro anos a iniciativa dun grupo de amigos vinculados á hostalería que decidiron organizar un encontro entre coñecidos que ó final converteuse nun evento festivo que enfronta á cafetería Barbantia co Kir´s. A organización fai un chamamento á cidadanía a asistir ó encontro que rematará cunha degustación de paella para os asistentes.