Máis de 800 remeiros participarán na XXII Contrarreloxo de Traíñas de Cabo de Cruz

BOIRO> O peirao de Cabo de Cruz acollerá este sábado a vixésimo segunda edición da Regata Contrarreloxo de Traíñas. Na proba participará máis de 60 embarcacións e uns 850 deportistas non só de Galicia senón doutras comunidades.

Boiro prepárase para vivir este sábado unha xornada deportiva de primeiro nivel coa vixésimo segunda edición da Regata Contrarreloxo de Traíñas.  Desenvolverase durante toda a xornada: pola mañá, a partir das once e media, terán lugar as probas das categorías base e veteranos mentres que pola tarde competirán as categorías absolutas a partir das cinco.

A principal novidade desta edición é a estrea dunha bandeira solidaria para recadar fondos destinados á Asociación Española contra o Cancro na que tomarán parte unhas tripulacións especiais, BCS, formadas por mulleres afectadas por cancro de mama.

Dende o concello de Boiro animan á cidadanía a achegarse ata o peirao de Cabo de Cruz para gozar desta xornada de remo na que tomarán parte máis de 60 embarcacións e 850 remeiros chegados non só de Galicia senón tamén doutras comunidades como País Vasco ou Andalucía.