Arranque incerto da campaña do polbo e da nécora en Ribeira

RIBEIRA> Na primeira xornada na lonxa subhastáronse algo máis de tres mil quilos de polbo cun prezo medio que rondou os sete euros.

Logo de case dous meses de inactividade, a flota do polbo de Ribeira, unha das máis importantes en Galicia xunto con Bueu, iniciaba esta semana a campaña do polbo. Na lonxa ribeirense as capturas non están a ser moi elevadas, algo máis de tres mil quilos. O tempo de nordés tampouco axuda nestes primeiros días.

O que si non estaban moi contentos é co prezo que alcanzou o polbo na rula, situándose o prezo medio do produto nos sete euros.

Ata o 31 de agosto os topes máximos sitúanse nos trinta quilos por embarcación e día e trinta máis por cada tripulante a bordo. Para o resto da campaña, a cota subirá ós cincuenta quilos por embarcación e día, e outros cincuenta por tripulante, ata un máximo de 350.

Tamén comezou a campaña da nécora, aínda que nestes primeiros días apenas sen incidencia, con escasas capturas, e de calidade en xeral baixa. A máis grande pagouse a 23 euros o quilo e a máis pequena a dez.