Arousa Norte presentou a memoria de actividades desenvolvidas no 2005

    BOIRO > A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte presentou esta mañá en rolda de prensa a memoria das actividades realizadas ó longo do presente ano 2005. Na comparecencia ante os medios os catro alcaldes dos concellos que conforman a entidade supramunicipal: Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo, expuxeron as accións levadas a cabo nos eidos turístico, cultural e socio-laboral.

    Ó longo do presente ano 2005 a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte baixo a presidencia do alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, desenvolveu distinto tipo de accións encamiñadas fundamentalmente a consegui-la implicación e coordinación dos concellos co fin de acadar unha boa promoción conxunta da comarca así como conseguir un maior número de subvencións e vías de financiamento para desenvolver novos servizos e actuacións.

    Durante a súa intervención o Presidente da Mancomunidade destacou a colaboración de tódalas administracións, tanto autonómicas como estatais.

    Segundo Pedro Piñeiro nun primeiro momento a entidade supramunicipal implicouse no desenvolvemento turístico, aínda que co paso do tempo foi tratando temas de importancia para a comarca como é o caso do medio ambiente ou o urbanismo.

    Neste sentido fixo referencia ós pasos dados de cara a conseguir unha maior sensibilización da sociedade barbanzá na necesidade de crear un polígono comarcal.

    Piñeiro Hermida referiuse tamén á necesidade de implicar máis ós veciños da zona para conseguir promociona-la marca Arousa Norte coma distintivo de calidade.
    Pola súa banda a xerente da Mancomunidade, Pilar López, sinalou as actuacións levadas a cabo nesta anualidade, destacando a instalación de nova sinalización dos recursos turísticos dos catro concellos, a creación do Museo do Mar e da Pesca en Rianxo.

    Ó longo deste ano a Mancomunidade tamén efectuou accións de mellora no Parque Periurbano de San Roque en Ribeira, a colocación de cruceiros para a Ruta Xacobea Mar de Arousa, o acondicionamento do contorno da oficina de turismo da Pobra ou o fortalecemento e a integración da oferta da estrutura empresarial a través de cursos de formación.

    Durante o presente ano tamén se levoua  cabo a creación da páxina web da entidade  co fin da promoción da zona e das accións levadas a cabo polo Plan de Dinamización Turística.

    Redacción Barbanza