Os bombeiros dos parques comarcais e o Consorcio retoman as negociacións do convenio

RIBEIRA> Avances nas negociacións entre o comité de folga dos Bombeiros Comarcais de Galicia e o Consorcio Contraincendios e de Salvamento. Nesta primeira xuntanza establecéronse as bases e os puntos claves para retomar as conversas que permitan a revisión do convenio. Trala reunión, os bombeiros desconvocaron as manifestacións previstas para esta fin de semana en Santiago.

O comité de folga dos Bombeiros Comarcais de Galicia decidiu desconvocar as manifestacións previstas para hoxe mesmo e mañá na Cidade da cultura coincidindo coa celebración da Reunión informal dos Ministros de Asuntos Económicos e financeiros da UE.

Os representantes sindicais dos traballadores adoptaron esta decisión trala xuntanza mantida no Consello Galego de Relacións Laborais coas 4 Deputacións Provinciais e a Xunta que integran o Consorcio Contraincendios e de Salvamento. Nesta primeira reunión constituíuse a Comisión Negociadora conformada polos membros do comité de folga e os representantes designados polas administracións provinciais e autonómica.

Tódalas partes implicadas expuxeron os puntos clave o marco de entendemento que van rexer a negociación. Establecéronse tamén as datas das vindeiras reunións encamiñadas a avanzar nas conversas que permiten desbloquear un conflito laboral enquistado xa dende hai anos e que derivou nunha folga indefinida.