O concello de Boiro valora os últimos aspectos do convenio con Eroski

    BOIRO > O concello de Boiro segue a traballar nos últimos aspectos do convenio con Eroski para a cesión da finca de Goiáns a cambio da recalificación dos terreos de A Pedreira. O convenio, que ata o día de hoxe continúa a xerar polémica, atópase nunha fase bastante avanzada. O rexedor boirés confía en que, tras as consultas cos arquitectos e avogados, chéguese pronto a acordo.

    A recuperación da finca e o pazo de Goiáns para o patrimonio municipal está cada vez máis preto de ser unha realidade. O concello e a sociedade Erosmer Ibérica traballan actualmente nos últimos puntos para pechar un convenio que, dende que foi feito público polo grupo da oposición, deu moito de que falar.

    O alcalde de Boiro, Xosé Deira, explicou que este convenio mediante o cal de delimitará o ámbito dos terreos a recalificar, respectará os dereitos de tódolos factores implicados. O acordo dará lugar a unha modificación mediante a cal se procederá á analise dos aspectos urbanísticos.

    O obxectivo do executivo e conservar e protexer o pazo de Goiáns e todo o entorno do estuario do Río Coroño. Así mesmo, procederase á construciónd e infraestruturas que permitan a conexión de Cabo de Cruz coas principais vías de comunicación sen que sexa necesario pasar polo centro urbano de Boiro para chegar ata elas.

    O convenio contempla ademais a creación de infraestruturas deportivas para compensar ó Club de Fútbol de Boiro posto que sería necesaria a ocupación dos terreos que actualmente ocupa o campo de fútbol de Barraña e que son de tiitularidade municipal. O concello entende que a entidade deportiva deberá contar cun espazo digno para desenvolve-la súa actividade polo que plantexa a creación dun complexo polideportivo con diversas instalacións.

    Redacción Barbanza