NOIA> O concello de Noia homenaxeará ó músico e compositor Prudencio Romo. Ademais da inauguración dunha escultura celebrarase un concerto no que soarán algunha das súas pezas máis coñecidas.
O busto de Prudencio Romo, que se inaugurará o vindeiro sábado día 20, pasará a formar parte da lista de noieses ilustres que poboan os xardíns Felipe de Catro. Co descobremento da placa conmemorativa e da escultura, obra do escultor local Emilio Mariño, o concello pretende sumar unha nova homenaxe á figura deste músico universal que xa en 1996 fóra declarado fillo predilecto de Noia.
Trala inauguración da escultura, terá lugar un concerto no coliseo Noela.Á espera de concretar o repertorio, o concello garda aínda algunha sorpresa máis para esta celebración que busca recoñecer a contribución do fundador dos Tamara ó mundo da música moderna.