VILAGARCÍA > O Ministerio de Fomento licitou as obras do novo acceso ó Porto de Vilagarcía, cun presuposto de 27,66 millóns de euros. O trazado discorre polos termos municipais de Vilagarcía, Vilanova e Caldas de Reis, cunha lonxitude de máis de sete quilómetros.
Despois de tres anos de espera, o Ministerio de Fomento anunciou esta fin de semana a licitación das obras do ramal que unirá o porto de Vilagarcía coa autoestrada AP-9. O orzamento fixado polo Estado para licitar a obra ascende a 27,66 millóns de euros. O proxecto prevé a construcción de algo máis de sete quilómetros de estrada que son os que separan a intersección das rúas Pablo Picasso e Valle Inclán, en Vilagarcía coa N-640 ó seu paso por Godos, en Caldas. Ademais de a estes dous concellos, as obras tamén afectarán a Vilanova.
O proxecto avanzado por Fomento inclúe a construcción de dous viaductos, un sobre o arroio de Santa Mariña e outro sobre o río Lomba. Están proxectados tamén tres enlaces que conectarán a rede viaria actual coa nova infraestructura. O primeiro situarase en Cornazo e servirá para unir a nova estrada coa variante da vía rápida do Salnés. O segundo estará nas inmediacións do Hospital do Salnés, e evitaría ós usuarios atravesar Vilagarcía para acceder ó centro. A terceira das conexións situaríase na intersección das vías po-531 e n-640, onde se construirá un paso superior.
O propio goberno considera a execución desta obra de gran importancia para o desenvolvemento de Vilagarcía, xa que constitúe un itinerario de conexión directa co porto para o tráfico de longo percorrido.
Redacción Salnés