GROVE > O Comité de empresa de Marsac reuniuse este luns co grupo parlamentario Popular e con representantes do Partido Galeguista. Ambas formacións amosaron o seu apoio ás traballadoras na súa loita contra o traslado da factoría de Porto Meloxo.
Os responsables do Comité de empresa de Marsac recibiron o luns no Grove a Xabier González, presidente do Partido Galeguista e a Manuel Soto, concelleiro desta formación no concello de Vigo. Trala reunión, o Partido Galeguista manifestouse acorde coas demandas das traballadoras en defensa duns postos de traballo, que ademais son femininos.
O Partido Galeguista defende a expansión das empresas sempre e cando se manteña o emprego local e cre que os poderes públicos teñen moito que dicir nesto. Esta formación non conta con representación no Parlamento de Galicia pero comprometeuse a manter conversas coa empresa e coas diversas forzas políticas.
O comité de empresa tamén recolleu este luns o apoio do Partido Popular. Os voceiros das áreas de Traballo e de Pesca do Grupo Parlamentario Popular de Galicia reuníronse en Santiago con representantes do comité da empresa. O Grupo Popular comprometeuse a trasladar esta situación ó Parlamento de Galicia, onde instará á Xunta a que, no exercicio das súas responsabilidades, medie para resolver este conflicto do xeito máis satisfactorio posible.
O PP considera necesario que a Xunta se implique en serio na resolución deste conflicto laboral. Para iso, propoñen o deseño e posta en marcha dunha estratexia política propia –neste caso no ámbito das relacións laborais, a promoción económica e a pesca- en lugar de actuar como unha sucursal do Goberno central.
Redacción Salnés