Caldas chama á veciñanza a mobilizarse contra a Variante Oeste o vindeiro 29 de novembro

CALDAS> Sábado 29 de novembro. É a data escollida en Caldas de Reis para celebrar a gran mobilización contra o estudo da Variante Oeste. A marcha, que está a ser impulsada polas plataformas veciñais coa colaboración do concello, sairá as 12 do mediodía da explanada do Hotel Sena. O percorrido rematará na Praza das Palmeiras coa lectura dun manifesto. Haberá un servizo gratuíto de autobuses para facilitar a participación.

A veciñanza de Caldas non dá nin un paso atrás na súa loita contra o estudo da Variante Oeste. A semana pasada entregaban na Subdelegación do Goberno en Pontevedra unhas 4.700 alegacións. Agora fixan unha nova cita no calendario: unha gran manifestación que se celebrará o vindeiro sábado 29 de novembro.

A marcha sairá ás 12 do mediodía dende a explanada do Hotel Sena e rematará na Praza das Palmeiras coa lectura dun manifesto. Unha convocatoria coa que as plataformas veciñais queren demostrar a oposición xeneralizada ao trazado da Variante que plantexa o Ministerio de Transportes, no que inclúe a construción dun acceso ao porto de Vilagarcía.

Durante a presentación da manifestación, as plataformas amosaron o seu malestar polo trato recibido por parte do enxeñeiro de Carreteras que debe responder ás súas alegacións. E advirten: están dispostos a chegar a onde sexa necesario para frear esta Variante.

Co obxectivo de facilitar a participación nesta mobilización, a organización porá a disposición da veciñanza un servizo gratuíto de autobuses que percorrerán todas as parroquias de Caldas.