Xurxo Alonso mostra a súa nova exposición “En luz escrita” con máis de 55 cadros en Cambados

CAMBADOS> A nova exposición do artista Xurxo Alonso, “En luz escrita”, pode visitarse en Cambados. A mostra está composta por 55 obras divididas en tres partes: Pezas abstractas, mulleres da historia e o Porto de Vilagarcía. Poderá visitarse no espazo de exposicións Torrado ata o 7 de Xullo.

O pintor e poeta Xurxo Alonso expón en Cambados a súa ultima obra titulada “En Luz Escrita”. O artista nado en Bos Aires pero con residencia en Vilagarcía dende moi novo conta xa con máis de 40 exposicións. Esta última mostra consta de 55 cadros divididos en tres partes.

Un dos temas máis recorrentes do artista son os cadros con protagonismo de mulleres. Nesta parte inspirouse nunha reinterpretación que Cunqueiro fixo do poema “Balada de las Damas de Antaño”.

A intención do autor, na parte abstracta, é que os cadros teñan luz propia.

A mostra poderá visitarse no salón  de exposicións Torrado de martes a venres en horario de mañá e tarde e sábados e domingo só pola tarde. A entrada é gratuíta.