A Xunta saca unha nova convocatoria de axudas do Fondo de Cooperación

BOIRO> Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante unha visita obras de rehabilitación do Pazo de Goiáns. Unha actuación que está a ser realizada precisamente grazas a esta liña de axudas para concellos de menos de cincuenta mil habitantes. No caso de Boiro a achega ascendeu a algo máis dun millón de euros, que deberán ser devoltos nun prazo de oito anos sen xuros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitaba esta mañá por primeira vez o pazo de Goiáns. Durante a visita destacou o potencial deste espazo singular, e do bo facer co que se están a desenvolver as obras de rehabilitación, xa moi avanzadas.

A actuación foi posible grazas a unha axuda de algo máis dun millón de euros procedentes do Fondo de cooperación para actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50 mil habitantes.

Durante a visita a conselleira fixo alusión precisamente a que a Xunta vén de sacar unha nova convocatoria de axudas, cun orzamento de preto dos 4’5 millóns de euros, polo que os concellos interesados disporán ata o 1 de outubro para facer as súas solicitudes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí