RIBEIRA > A Consellería de Sanidade vén de determina-lo peche do matadoiro municipal de Ribeira posto que as instalacións non cumpren coa normativa europea de seguridade nesta materia. O local carece de cuadras así como da maquinaria axeitada para colaga-las pezas descuartizadas. A decisión da Xunta está a provocar queixa sentre o sector cárnico posto que os os traballadores veranse obrigados a desprazarse ós recintos de Imo, Vilagarcía ou A Pereira.
A decisión da Consellería de Sanidade de revoca-la autorización sanitaria que permitía o funcionamento do matadoiro ribeirés, caeu coma un xarro de auga fría entre os carniceiros da comarca. A administración autonómica pon como requisito para retoma-la actividade que se proceda á reforma das instalacións de xeito que se adecúen ás normas establecidas polo regulamento europeo.
O sector cárnico considera que a medida da administración autonómica suporá un contratempo na súa actividade posto que teránq ue desprazarse a outros matadoiros o que supón un aumento nos custos e no tempo de traballo. A este respecto, os membros da Asociación de Carniceiros do Barbanza mantiveron unha reunión con membros do executivo local para solucionar o problema.
Dende o concello sostense a posibilidade de acomete-la reforma sen necesidade de paraliza-la actividade. Así llo comunicou o alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, a representantes da Xunta co obxectivo de conseguir unha prórroga para o peche das instalacións, que lle foi denegada.
Neste sentido, boa parte dos membros do sector cárnico veñen de firmar un escrito que será remitido á Consellería para conseguir reanuda-la actividade.
Polo momento, o concello xa presentou un proxecto de reforma que está ser avaliado polo departamento de Medio Rural. Á espera de recibi-lo visto bo da consellería , o concello agarda contar cunha subvención autonómica para facer fronte ás obras. No caso de que lle fose denegada a administración local faríase cargo dos gastos.
A resposta do BNG ante o peche do matadoiro municipal non se fixo agardar. O grupo nacionalista considera responsable deste feito ó executivo posto que, nos anos que leva no goberno, tivo tempo de adecua-las instalacións e, sen embargo, non acometeu a reforma.
Dominga Brión considera que a subvención por parte do ente autonómico podería cifrarse entre un trinta e un trinta e cinco por cento do total dos custos. A adecuación á normativa europea suporía unha reforma integral das instalacións, orzamentada nunha partida moi importante, imposible de asumir por parte do concello.
Redacción Barbanza