RIANXO> A praza de abastos de Rianxo acolleu estes días un Mercado de Nadal. Un total de dez postos ofreceron produtos artesanais ós numerosos visitantes que pasaron pola instalación ó longo desta semana.
A primeira edición do Mercado de Nadal de Rianxo superou tódalas expectativas. Aínda que inicialmente estaba previsto que se celebrase tres días, a alta afluencia de público fixo que se ampliara dúas xornadas máis.
Dez postos artesanais instaláronse nas dependencias da praza de abastos para enchelo de vida con propostas gastronómicas, de moda e complementos e agasallos ideais para estas datas.
Ademais da oferta de produtos, o mercado contou tamén con actividades de animación, obradoiros, a visita de Papá Noel e un punto de información sobre os lugares de interese de Rianxo. Estableceuse tamén un espazo solidario de recadación de fondos para Cruz Vermella e implantáronse medidas inclusivas como a instalación de pictogramas para persoas neurodiverxentes.











