BARBANZA > Unha vez rematadas as vacacións de Nadal, inícianse en toda a comarca as tradicionais rebaixas de xaneiro. Unha boa oportunidade de mercar produtos coa mesma calidade de sempre pero a un prezo inferior. Esta época tamén resulta beneficiosa para os comerciantes, xa que poden renovar con máis facilidade os seus produtos.
A primeira xornada de rebaixas non se apreciou demasiada expectación na comarca do Barbanza. No caso de Boiro, nin os compradores se lanzaron inmediatamente a mercar nin os comerciantes se preocuparon moito de coloca-los carteis anunciando os descontos dende o primeiro momento, agardando uns días para os posibles cambios das compras efectuadas durante o Nadal.
Os comercios están a cambiar pouco a pouco os escaparates para amosa-los produtos de tempada que ofrecen a un mellor prezo do habitual.
Estas rebaixas serven para paliar en parte a costa de xaneiro, que se produce cada ano despois dos dispendios realizados para merca-los agasallos de Nadal e Reis, e que disparan os presupostos do mes de decembro.
A pesar diso a maioría dos comerciantes son da opinión que a xente acude masivamente ás tendas durante o tempo que duran as rebaixas para efectua-las compras a un prezo máis barato. Case tódolos comercios manteñen as mesmas condicións de compra durante a tempada de rebaixas para que os clientes dispoñan dos mesmos dereitos á hora de cambiar ou devolver os artigos mercados.
Dende as oficinas de información ó consumidor lembran tamén que o feito de que un produto estea rebaixado non significa que teña que ter unha menor calidade, senón que debe se-la mesma. Ademais, advirten de que os establecementos que admiten como medio de pago a tarxeta de crédito non poden deixar de facelo durante este período.
As tendas deben indicar claramente o prezo rebaixado acompañado do custo anterior, ou ben a porcentaxe de desconto que se está a aplicar.
Redacción Barbanza