BARBANZA > O Plan de Prevención do Tráfico e o Consumo de Drogas nos entornos dos centros educativos promovido polo Ministerio do Interior iniciouse na comarca do Barbanza do mesmo xeito que aconteceu no resto de España. Axentes das Policías Nacionais e Locais, así como efectivos da Garda Civil serán os encargados de levar a cabo este operativo nos diferentes concellos. TVSB desprazouse ata o Instituto da Pobra do Caramiñal na primeira xornada para ve-lo desenvolvemento deste Plan.
O principal obxectivo deste Plan Estratéxico de Resposta Policial ó Consumo e Tráfico Minorista de Drogas nos centros educativos e nos seus entornos posto en marcha polo Ministerio do Interior non é outro que conseguir que a ensinanza e a formación dos nenos e os xoves se realice nun clima de convivencia seguro e saudable.
Nos concellos da comarca do Barbanza coma no resto de España xa comezaron as labores de control e vixilancia nos colexios, polo que se puideron ver polas inmediacións dos centros escolares a axentes das Policías Nacionais e Locais, así como tamén efectivos da Garda Civil.
Segundo nos confirmou o propio Xefe da Policía Local da Pobra do Caramiñal, Luís Gigirey, este tipo de controis serán verdadeiramente efectivos.
En máis dunha ocasión téñense producido denuncias por parte da comunidade educativa do IES da Pobra, tanto pais como profesores, por presuntos pequenos trapicheos no centro.
Alí observamos a presenza policial aínda que dende o Instituto sinalábase que existe unha falla de información sobre esta medida.
Os controis centraranse nos entornos escolares en tódolos horarios con afluencia de nenos e xoves, durante o tempo de formación regrada, en actividades extraescolares ou en zonas de descanso escolar. Ademais, o plan incluirá tamén, coa participación das Policías Locais e a Garda Civil, operacións preventivas mediante o uso de axentes de paisano nos entornos escolares.
Con este plan preténdese tamén facer fronte á disminución nas idades de inicio do consumo de drogas e ó aumento do consumo nas zonas escolares e nos propios centros de ensinanza, así como en determinadas zonas de ocio e esparcimento, xa que o consumo destas substancias estase a traducir no aumento do número de menores que demandan tratamentos contra a adicción.
Redacción Barbanza