O concello de Boiro denuncia o nulo investimento previsto pola Xunta no municipio para 2025

BOIRO> O concello de Boiro acusa á Xunta de discriminar ós seus veciños ante a falla de investimentos previstos para o 2025. Os orzamentos autonómicos para o próximo exercicio non contemplan nin unha soa partida para o municipio.

Como en anos anteriores, o goberno de Boiro denuncia a exclusión do concellos dos orzamentos da Xunta sen ningún investimento previsto no municipio. Consideran que se trata dunha clara discriminación cara os boirenses ó non ter en conta as numerosas necesidades que levan trasladando á Xunta dende o goberno municipal. Entre eles, a construción dunha residencia para a terceira idade e a dotación de máis prazas de educación infantil.

No eido sanitario, dende o concello reclaman tamén melloras no PAC do centro de saúde do Saltiño tanto no referente ás instalacións como na dotación de persoal. Tamén botan de menos investimentos en materia de saneamento como a modernización da EDAR de Cabo de Curz ou a dotación de rede en Cures e Landeira.

Por último, volven insistir na necesidade de actuar sobre varios treitos da AC-305 para garantir a seguridade viaria así como os numerosos arranxos pendentes nos centros educativos do municipio.